Facebook Twitter Google +1     Admin

LETRAS GALEGAS - PARABÉNS ÓS PREMIADOS

Dende o club de lectura A árbore vermella queremos darlle a noraboa a todos os alumnos e alumnas do noso instituto (case todos eles asistentes ó club) que onte xoves 17 de Maio foron finalistas e gañadores de premios polos seus magníficos textos, premios que recibiron na gala músico-literaria das Letras Galegas celebrada na Casa da Cultura de Verín.

Os alumnos que recolleron os premios que lles corresponderon nos certames literarios convocados con motivo do Día das Letras Galegas foron: 

Mercedes Castro Cid, de 2º, que tivo un primeiro premio polo poema Eu?, que leu en público.

Marta Cid Nieto, de 2º, que tivo un primeiro premio polo relato A certeza dun soño, que tamén leu en público.

Lucía Díaz Nicolino, de 3º C, que recibiu un primeiro premio polo relato Tráfico de emocións, que leu en público.

Ademais deses tres primeiros premios, recibiron un terceiro premio: 

Joseba Delgado Parada, 2º

Noa Pérez Núñez, 1º

Sabela Domínguez Souto, 2º 

María Romero Rodríguez, 2º  

Ana María Añel Prieto, 3º

Esther Estévez Casado, 3º

Victoria Pérez Gascón, 4º

Parabéns ós músicos, moitos deles tamén alumnos do noso instituto (María Romero, ademais, asistente ó club), que tan magnificamente interpretaron as pezas que fixeron que música e literatura se desen a man.

Máis fotos AQUÍ (grazas Javier!).

18/05/2012 00:41 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

Día das letras galegas

 

Para celebrar este día poñeremos uns carteis (na entrada do instituto e na biblioteca) nos que queremos que escribades aquela palabra do galego que máis vos gusta ou vos representa, así que xa podedes ir pensando qué palabra ides compartir con nós.

 

13/05/2012 22:59 bibliochivite #. Actividades No hay comentarios. Comentar.

BALEADAS - EXCURSIÓN A SANTIAGO

A compañía TRASPEDIANTE (compañía de danza de Marta Alonso Tejada e Begoña Cuquejo) está a representar BALEADAS, espectáculo en 3D con pintura, danza e textos do poemario de Estevo Creus Balea2.

O día 10 de Maio o club de lectura, xunto cos alumnos de Plástica e Deseño Gráfico (moitos deles tamén asistentes ó club) que tanto traballaron nos proxectos inspirados por Poemas da cidade oculta e O libro dos cans (tamén poemarios de Estevo Creus) asistiu á representación de Baleadas que Traspediante fixo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela.

Foi un espectáculo fascinante, orixinal, elegante, innovador usando un recurso non tan novo ó que as artistas lle sacaron todo o partido, o programa "paint". Foi unha representación chea de cor, de momentos de grande poderío visual, forza, fascinación (meu corpo, meu corpo, meu corpo.... foi un deles, con esas verbas proxectadas no corpo dunha das bailarinas-artistas-creadoras). A balea, a omnipresente metáfora totalizadora de Estevo Creus, acompañounos case permanentemente.... Que momento aquel no que, en 3D, vemos a baleeira de Cangas!!!!! Sensibilidade, brillantez, reivindicación..... todo....como a balea.

Moitas grazas a Estevo Creus, presente na representación, e ás integrantes da compañía Traspediante, por proporcionarnos eses 50 minutos de maxia... e tamén pola cercanía antes e unha vez rematado o espectáculo.

Despois de gozar coa arte de Traspediante, fixemos un percorrido por Santiago, revisitando uns, descubrindo outros, plazas, edificios, xardíns marabillosos... Os rapaces levaban un mapa elaborado por Víctor cun itinerario que os guiaba ó encontro de lugares, de construccións fermosas, atractivas, que ían fotografiando   ( temos uns alumnos que son uns grandes fotógrafos!!!!!)

Comemos no parque de Bonaval, baixo as árbores, e despois puxémonos en camiño cara á derradeira etapa da nosa excursión: unha visita guiada pola Cidade da Cultura, lugar grandioso que podedes ver nas fotos debaixo.

Se premedes AQUÍ accederedes ó blog BALEADAS.

12/05/2012 00:51 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

Os alumn@s recomendan...

Chegounos unha nova recomendación dunha compañeira, así que ide tomando nota!!!

 

08/05/2012 23:30 bibliochivite #. Os alumnos recomendan... No hay comentarios. Comentar.

ACTUACIÓN DE ANA ISABEL RONCERO

Este ano teremos o inmenso pracer de rematar o club de lectura, o vindeiro 7 de Xuño, coa actuación de Ana Isabel Roncero Martín. A irmá da nosa compañeira Antonia compartirá connosco o seu talento cunha actuación que nos vai deixar abraiados, seguro!!!!

Se fas click aquí accederás a un post sobre Ana Isabel Roncero e o seu espectáculo teatral Lo que somos que David Rguez. Rivada escribiu no seu blog.

08/05/2012 00:38 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

ADELE EN VIVO NO ROYAL ALBERT HALL

Como sabedes, na Árbore vermella manexamos o concepto lectura no seu sentido máis amplo. Lemos poesía e novela, si, mais tamén imaxes e ata casas (que senón fixemos este ano da man de Víctor a partir de O libro dos cans de Estevo Creus? "Ler" as casas de Mies Van der Rhoe ou Le Corbusier, interpretalas). Con frecuencia lemos música, e xa tivemos sesións nas que escoitamos, rap, flamenco, música clásica ou folk galego. Nestas sesións quen nos guía é David, e será el quen o xoves 31 de Maio nos faga a introdución, analizando algunha canción súa,  ó concerto de Adele no Royal Albert Hall de Londres (click aquí).

Témoslle que agradecer a Fernando Serrulla, membro do Consello Escolar, pai do alumno de 1º Bacharelato Miguel, o seu interese, xenerosidade e implicación, xa que foi el quen nos proporcionou o concerto desa artista de voz espectacular chamada Adele no famoso teatro londinense xa mencionado.

Animámosvos a todos a vir a "ler" a música de Adele no club de lectura. Seguro que imos gozar moitísimo!!!

30/04/2012 23:06 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

PREMIO CERTAME MICRORRELATOS

Xa temos gañadora do concurso de microrrelatos, noraboa a Cristina Salgado de 2ºD !!!!!!!!!!!!!!

 

Recoñézoo. Son pobre. Vivo nunha aldea coa avoa. O meu único compañeiro é un zurrón de la. Fíxomo a miña nai antes de ir vivir coas estrelas. Cando regrese traerame unha. Prepárome para coñecer e percorrer o mundo. desexo atopar xente que me axude a entender. Por que as estrelas brillan? Por que algunhas persoas teñen os ollos limpos e outros ateigados de algo que descoñezo?

Decidín sair da casa e camiñando cheguei ao pobo veciño, estaba moi cansa. Unha rapaza sentou ao meu carón e pregunteille se sabía algo do mar. Respondeume que estaba formado por auga, pero non sabía onde remataba. Deume unha cuncha da praia e gardeina nunha caixiña reservada para os meus tesouros.

Seguín camiñando e topei unha flor feita de papel e gardeina.

Continuei camiñando e atopando tesouros sen descanso ata comezar a entender.

Hoxe sei por que as estrelas billan: iluminan o que pensamos que non podemos alcanzar. recórdannos que non perdamos a nosa. Eu teño unha boa estrela. Hame levar onda mamá.

 

Como a decisión foi moi difícil decidimos conceder dous premios máis a María Romero Rodriguez por “O tesosuro de Nemi” e a Mercedes Castro por “O coello branco”.

Estos relatos aparecerán publicados na revista escolar, así coma  “Sensación,Percepción….Acción” escrito por Esther Estévez.

  

Xa podedes visitar a exposición con todos os traballos na biblioteca e as premiadaas poden recoller o seu premio o próximo martes.


27/04/2012 10:18 bibliochivite #. Actividades No hay comentarios. Comentar.

A MANTA

Hoxe foi un día no que no club de lectura se colou o inesperado. Aínda que o planificado nos ía levar por un camiño, a conversa levounos por outro que acabou sendo moi especial. Deixamos A árbore xenerosa para unha vindeira sesión e cubrímonos cunha manta. O itinerario de Marita, esa manta feita con retais que permite que se unan moitas persoas que transitan pola súa vida, deu pé a contar historias sobre eses retais, e de aí chegamos, de maneira natural, case sen querelo, ata A manta, de Isabel Minhós Martins e Yara Kono, unha fermosa historia na que os retais que conforman a manta dunha avoa tamén serven para relatar o que se enconde detrás de cada un deles. Estivemos lendo este conto por turnos, en portugués... e pasámolo moi, moi ben.

26/04/2012 22:45 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

GRAZAS!!!!!!

Moitas grazas ós pais que onte percorristes connosco e cos vosos fillos o itinerario polo que eles camiñaron nestes últimos meses no club de lectura. Moitas grazas por vir a compartir os Poemas da cidade oculta e O libro dos cans, por vir a descubrir camiños, baleas, casas de soño... Grazas polo voso interese e por axudar a facer posible que os nenos e nenas sigan, cada xoves, transitando polo itinerario da Árbore vermella.

25/04/2012 17:11 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

Día do libro

Onte celebramos na biblio o Día do Libro enchendo as paredes con frases relativas á lectura e agasallando ós alumnos con marcapáxinas nas que aparecía un texto de Agustín Fernández Paz.

Ademáis rematou o prazo para a presentación de traballos no certame de microrrelatos e dende a biblio estamos impresionados pola cantidade e creatividade de todos eles. En breve o xurado reunirase para escoller ó gañador e faremos unha exposición para que todos os poidades ler.

Aquí vos deixamos unhas fotos desta actividade.

24/04/2012 10:17 bibliochivite #. Actividades Hay 1 comentario.

A ÁRBORE XENEROSA

mmqmmr.blogspot.com (Mil Montes Queimados, Mil Modos de Rehabilitalos) é o nome dun blog creado polo profesor de Plástica, Víctor, co obxectivo de que nel se recolla un proxecto que nos vai invitar a reflexionar sobre o drama que están a vivir os nosos montes, a nosa natureza, a concienciarnos da necesidade de protexela, a pensar en medidas, actuacións para comezar a cambiar a nosa mentalidade e construír unha nova realidade.

O club de lectura A árbore vermella vai participar nese proxecto, e o punto de partida será a lectura, o vindeiro xoves, do fermosísimo conto A árbore xenerosa (click AQUÍ), de Shel Silverstein (click tamén aquí).

Publicado por primeira vez en 1964, co título The Giving Tree, este álbum gráfico proporciona múltiples niveis de lectura, constituindo un excelente exemplo de como, con moi pouco, se di e suxire moito.

Esta obra conta a historia dun amor incondicional entre unha árvore antropomorfizada e un neno delicado e soñador, transformado polo tempo (e talvez pola cidade/ sociedade) nun adulto egoísta, distante e que só regresa onde a súa amiga por motivos materiais. O impacto emotivo deste libro é enorme, como veremos/sentiremos o xoves 26 de Abril na sesión do club de lectura.

23/04/2012 12:27 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

GRAZAS, ESTEVO

GRAZAS, Estevo, porque sen ti non teriamos percorrido o itinerario que nos levou ata o día de hoxe, no que tanto gozamos. Grazas pola balea, polos "ques", por todo o aprendido, por axudarnos a darlle importancia ó camiño, máis que á meta. Grazas polas túas verbas...GRAZAS.

AQUÍ tedes o post que David dedica á visita de Estevo no seu blog.

20/04/2012 00:36 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

VISITA DE ESTEVO CREUS

20120412145142-estevo-creus.jpg

Estevo Creus Andrade, poeta, autor dos dous poemarios (Poemas da cidade oculta e O libro dos cans) sobre os que o club de lectura A árbore vermella, xunto con alumnado de Plástica, Deseño Gráfico Dixital e Lingua Galega, leva moito tempo "traballando", vainos visitar o vindeiro Xoves, día 19 de Abril, ás 16:30.

A piques de recibir o poeta, estamos a darlle uns "toques" de Poemas da cidade oculta ó instituto.Un exemplo: un dos poemas do libro trepa polas paredes ata chegar á biblioteca. Mirade:

Ademais, unha casa do mesmo tamaño que a que nos amosa Estevo Creus no Libro dos cans, instalada na aula de Plástica, contén edificios, baleas, itinerarios (por exemplo, o feito nesa aula ó longo do tempo), casiñas, fotos... Hai carteis, letras,saúdos, unha balea de ramas...

ANIMÁDEVOS A ACOMPAÑARNOS O VINDEIRO XOVES!!!!!

(Facendo un percorrido por este blog atoparedes moitos posts adicados a Poemas da cidade oculta e O libro dos cans)

Itinerarios de alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º ESO

Os alumnos de 3º e 4º ESO do profesor de Plástica e Deseño Gráfico Víctor Rodríguez ( e tamén o propio profe) plasmaron de xeito maxistral, con imaxes moi suxerentes, os itinerarios dos Poemas da cidade oculta de Estevo Creus (premede aquí, aquí, aquí). Tédelos debaixo. Gozade con eles, co vídeo Poemas e itinerarios, na parte superior do post, que inclúe recitado de Poemas da cidade oculta por parte de alumnos asistentes ó club e os itinerarios de Lara, Marita, Víctor e Sabela, co itinerario de Lucía, co de Irene, co de Carmen,vendo a María co seu, tamén a Marta (encántanlle os peluches e hai dous que foron moi especiais), e cos itinerarios dos alumnos de 1º e 2º ESO, que están ó final do post.

13/04/2012 11:20 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

O Lazarillo

O mes de marzo na biblioteca estivo adicado ó Lazarillo. Entre outras actividades tivemos paneis expositivos, representacións nas clases dalgún fragmento da obra a cargo de dos magníficos actores Pedro Taboada (3ºB), Alejandro de Lorenzo (1ºA) e Belén Álvarez (2ºA) e un concurso de crucigramas no que resultou gañadora Cristina Canabal Arias (3ºA).

10/04/2012 11:03 bibliochivite #. Actividades No hay comentarios. Comentar.

"Adiviña quen é": Nova edición - 3º trimestre

Nova edición do concurso "Adiviña quen é", que como sabedes, lanzamos conxuntamente o IES Taboada Chivite (a través do club de lectura A árbore vermella) e o IES Ribeira do Louro de Porriño.

Debaixo tedes unha imaxe distorsionada do importante escritor cuxo nome tedes que adiviñar, e enriba datos biográficos e citas que vos poden axudar a descubrir quen é este persoeiro.

Coma sempre, hai que mandar un e-mail co voso nome e apelidos, curso, grupo e instituto, ademais de, por suposto, o nome do personaxe oculto, a:

ribeirachivite@gmail.com

Podedes participar ata o mércores 6 de Xuño. Ánimo!!!!! Hai un agasallo agardando por vós!!!!!!

imagen escritor

09/04/2012 16:33 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

"Adiviña quen é": ISAAC DÍAZ PARDO

20120327124048-diaz-pardo.jpg

Remata unha nova edición do concurso "Adiviña quen é". Efectivamente, como algúns descubristes, a figura oculta nesta edición na que, pola importancia enorme do personaxe para a cultura galega, participou tamén o Dpto. de Dinamización Lingüística, era Isaac Díaz Pardo, intelectual e artista galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. (Aquí podedes acceder a artigos sobre este sobranceiro persoeiro da cultura galega, recentemente finado. Este foi escrito por Manolo Rivas).

"Quando os anos me vençam já descomposto tudo e farto de fazer tudo o que faço, nom sei o que farei... estou já tam afeito a perder que nom sei que fazer se un día ganho".

Na  portada de Monxoi, de Alfonso Mato -homenaxe persoal que repasa os seus 15 anos como historiador e documentalista ó carón de Díaz Pardo no Instituto Galego da Información-, esta é a cita escollida para resumir unha visión do mundo. Extractouna Mato do derradeiro libro de Isaac, Tentando construir uma esfinge de pedra (Do Castro, 2007), o máis semellante a unhas memorias por vía interposta que escribiu o ancián que en 1936 chamou "reaccionario" a Castelao, por suxerirlle que levase os pasquíns ó concello antes de distribuilos. No diálogo entre o home e a esfinxe, que é un oráculo, a esfinxe acaba traicionando á persoa.

 

Os nosos parabéns a Marta Cid, Mercedes Castro e María Barreira, todas elas alumnas de 2º ESO do IES Xesús Taboada Chivite (co seu agasallo nas fotos de abaixo), por ter acertado quen era o personaxe descoñecido nesta edición de "Adiviña quen é". O gañador no IES Ribeira do Louro foi Borja Alonso Estévez.

03/04/2012 13:55 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

STAND "Poemas da cidade oculta"

Como vos diciamos no post anterior, o proxecto Poemas da Cidade Oculta estará presente nun stand durante as festas do Lázaro de Verín. Onte, venres 23 de Marzo montamos o stand (enriba tedes imaxes) e hoxe sábado 24 foi a inauguración (fotos debaixo). Animádevos a vir ó pavillón de Verín!!!!!!!!!!!!!!!

24/03/2012 00:26 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.

Construir unha balea... "Poemas da cidade oculta"

Os Poemas da cidade oculta, de Estevo Creus, dos que tanto vos temos falado neste blog, van saír do noso centro e formar parte dun stand na vindeira feira que, con motivo das festas do Lázaro, terá lugar no pavillón de Verín o sábado 24 e o domingo 25 de Abril. Os alumnos do club, os de Plástica, os de Deseño Gráfico... levan xa tempo traballando neste proxecto (temos previsto que  Estevo Creus visite o club de lectura o 19 de Abril), debuxando, construíndo, recitando, pensando...

Onte fixemos unha balea (FOTOS ENRIBA), símbolo que percorre todo o poemario do poeta de Cee.

Proximamente poderedes ver neste blog as imaxes tomadas no stand, no que estará a balea... e moito máis (avance abaixo).

23/03/2012 11:01 bibliochivite #. Club de lectura a árbore vermella No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras

Contrato Coloriuris