Blogia

bibliochivite

"O libro dos cans" de novo do club

Ir a descargar Ir a descargar

Despois da sesión da semana pasada, na que Víctor lle deu a volta ó noso concepto de casa, hoxe visitamos a casa na que a voz poética da segunda obra de Estevo Creus que estamos a ler (lembrade que a primeira foi Poemas da cidade oculta) agarda os seus cans (premede aquí e aquí). Enriba tedes fotos nas que podedes ver a Víctor falándonos dos planos que aparecen ó comezo deste singular poemario e tamén podedes escoitar a Juan Carlos e Irene lendo algúns fragmentos.

"La casa", de J. Patrick Lewis e Roberto Innocenti

No club de lectura A árbore vermella estamos a falar moito de casas ultimamente. No post anterior falabámosvos de O libro dos cans, de Estevo Creus, que nos ten invitado a darlle voltas á noción de casa que temos, a pensar en como sería a casa dos nosos soños...

Neste post queremos falarvos dun fermoso álbum ilustrado, La casa,(click aquí tamén) que foi publicado pola Editorial Kalandraka no ano 2010. É un álbum ilustrado que nos conta a historia dunha casa. O texto foi escrito por J. Parick Lewis, traducido ó castelán por Silvia Pérez e ilustrado por Roberto Innocenti.

A historia de La casa comeza en 1900 e remata en 1999 (a imaxe inicial presenta uns nenos que buscan cogumelos e castañas, cando descobren a casa destruida). O edificio foi construido no ano 1656, no ano da peste. Somos testemuñas da vida dunha casa coas súas ledicias e tristuras, en momentos bos e tráxicos. Viaxamos no tempo descubrindo os cambios das estacións, así como os dos costumes da xente... 

No só a casa se transforma, tamén vemos cambios no entorno, como se modifica e crece a natureza. A casa feita de pedras e madeira nunha colina en anos, décadas, séculos...... ve xeracións, diferentes familias, escoita risos, suspiros, disparos...

Como sería a casa dos vosos soños? Onde estaría? Que forma tería? Como cambiaría?.....

O LIBRO DOS CANS, DE ESTEVO CREUS II

Como vos diciamos no post anterior, a sesión de hoxe do club de lectura estivo adicada a achegarnos á obra de Estevo Creus O libro dos cans. Ese achegamento produciuse da man de Víctor, quen, levándonos por un itinerario arquitectónico no que coñecemos a Le Corbusier ou Mies Van der Rhoe acabou facéndonos reflexionar (con Estevo Creus) sobre  o universo, un universo no que o importante é o avance, o camiño, o descubrimento, a observación, no que as metas "perfectas" non son probablemente nin posibles nin desexables.

O LIBRO DOS CANS, DE ESTEVO CREUS

Hoxe adicaremos a sesión do club de lectura a unha obra de Estevo Creus (como sabedes, estamos tamén a ler Poemas da cidade oculta) que xa foi introducida na última sesión. Trátase de O libro dos cans, unha obra coa que tamén están a traballar os alumnos de Deseño Gráfico Dixital e por iso o seu profesor, Víctor, nos vai a guiar hoxe no noso percorrido polo Libro dos cans.

Agardámosvos!!!!!

CONCERTO DE NACH EN OURENSE

De Concerto Nach fotos Lara
De Concerto Nach fotos Lara
De Concerto Nach fotos Lara

Onte, venres 24 de Febreiro, asistimos ó concerto que o astro do hip-hop Nach, a quen o club de lectura ten adicado máis dunha sesión, deu en Ourense. Nach actuou brillantemente acompañado por ZPU (nunha pasada sesión do club escoitamos David contra Goliat, de ZPU), Abram e o DJ Joaking.

Foi unha actuación na que todos os asistentes nos sentimos inmersos nun remuíño de enerxía: a súa posta en escena, a calidade e humanidade das súas letras, a súa forma de falar co público... e sobre todo a actitude impresionante dos seus fans: unha morea de adolescentes que sabían de memoria todos os seus temas e interactuaban coas súas intervencións, bailando, cantando, vivindo a súa música.

Un exemplo do que os gregos chamaban catarse, ou purificación da alma que experimentaban os que asistían á representación dunha traxedia grega, vivindo como propias as experiencias dos personaxes teatrais.

Premendo aquí accederás ó artigo que David fixo no seu blog.

Moitas grazas polo teu compromiso, polo teu talento, pola gran laboura pedagóxica que estás a desenvolver cos nosos alumnos aprendéndolles vocabulario e xiros, e por todo o que nos transmite a túa música.

Enriba tedes El reino del absurdo do seu último CD Mejor que el silencio.

 

DOUS POEMAS PARA O 14 DE FEBREIRO

DOUS POEMAS PARA O 14 DE FEBREIRO

Aquí tedes dous poemas que fixeron os profes do Club de lectura Antonia e David para conmemorar este 14 de febreiro. En ámbolos dous casos trátase de historias de amor e dor.

O texto de Antonia:

"Quería decirte

amor

que soy 1

que soy lo que queda

de restarnos mutuamente

números consecutivos

cuando estás detrás de mí

y me besas la nuca.

 

Cuando el ruido

no cesa

siento de oídos para adentro

un 1 finito

amor

un 1 ingrávido

y absurdo

en las multiplicaciones.

 

Qué cansancio

y qué pena

amor

de hombre único en el desierto

de iceberg trágico

de brasa en la nieve

de aceituna.

 

No te dividas por m,í

amor

sólo quedarás tú

íntegro de nuevo

con todas tus cifras

sin desenvolver.

 

Y yo

cociendo

al otro lado

con los ojos abiertos

y las yemas abiertas.

 

Respiro profundo

entre tus brazos

o asomada al mar

y se dibuja

contenido como un globo

este 1 que soy.

 

¿Será esto

amor 

también amor?"

 

O texto de David: premede aquí para acceder a el.

Os "Poemas da cidade oculta" de novo no club

Hoxe a sesión do club de lectura comezou "pechando" a sesión anterior (premede AQUÍ). Estivemos lendo, vendo, escoitando e finalmente comentando Alas y olas, fermosísima historia levemente inspirada en La mujer esqueleto.

Despois de gozar con Alas y olas, conto no que o mar ten o seu protagonismo, proseguimos coa lectura de Poemas da cidade oculta e comezamos cun poema  que enlazaba moi ben con Alas y olas, un poema con mar, un poema que nos di: "amar o mar"....

Decidimos ler de xeitos diferentes. Todos xuntos, en cadea.... E coidamos que ós rapaces e rapazas esta maneira de ler resultoulles atractiva, estimulante...

Enriba podedes ver os nosos rapaces recitando algúns Poemas da cidade oculta.

DESPOIS DE TI, A CHUVIA

Onte, parte do profesorado do club de lectura A árbore vermella acompañados de dúas alumnas (Marta e Lara) que asistiron en representación dos seus compañeiros e compañeiras puideron gozar da presentación de Despois de ti a chuvia no Teatro Principal de Ourense.

Xosé Carlos Caneiro (escritor) e Emilio Rúa (compositor e músico) presentaron un fermoso espectáculo que leva o mesmo título que o libro-deuvedé editado por Galaxia no que poesía e música se fusionan, ó ter musicado Rúa varios dos poemas de Caneiro que recolle o libro.

Neste proxecto participaron xunto a Caneiro e Rúa os músicos José Gayoso, Seginho Sales, Alberte Rodríguez e Guillermo Prieto.

Antonia escribiu unhas verbas despois do concerto:

" Se levantó un día el poeta Caneiro con ganas de mirar atrás dentro del amor y se encontró a sí mismo escribiendo versos de niebla y vodka, de cuando el desamor le iluminaba los dedos con luz de luna y el corazón le latía al calor de labios nunca olvidados.

Hoy, después de la lluvia, hicimos corro, abrimos unas cervezas, unos libros y él abrió su voz verdadera, de poeta, claro."

LA MUJER ESQUELETO - ALAS Y OLAS - CLANDESTINOS

Os amores clandestinos, imposibles, difíciles... serán os protagonistas a vindeira semana no club de lectura A árbore vermella.

A nosa compañeira Antonia, que non pode acompañarnos ultimamente, vai estar connosco dunha maneira "diferente", contándonos unha historia que descubriu hai pouco e lle resultou fascinante, a da Muller Esquelete, unha lenda inuit que aparece no libro Mujeres que corren con los lobos, de Clarissa Pinkola Estés

“As palabras sanan. Os contos son unha medicina. Sentinme fascinada por eles dende que escoitei o primeiro... Conteñen os remedios para reparar ou recuperar a pulsión perdida”.
Con estas premisas foi escrito o libro Mujeres que corren con los lobos por Clarissa Pinkola, unha psiquiatra norteamericana que recolle relatos da súa infancia e tamén os selecciona de pobos aboríxenes, para facer un compendio da sabedoría feminina.

Escoitade a Antonia. Ela vai ser que vos conte a lenda da muller esquelete.

AQUÍ podedes escoitar a interpretación que Antonia nos fai desta fermosa lenda de orixe inuit.

Logo leremos Alas y olas, de Pablo Albo,ilustrado por Pablo Auladell e editado por Barbara Fiore, un fermoso libro cunha historia levemente inspirada pola da muller esquelete. Escoitade de novo a Antonia lendo Alas y olas.

 Remataremos escoitando Clandestinos, de Nach, rap onde de novo os amores difíciles son protagonistas.

Lendo "Poemas da cidade oculta", de Estevo Creus II

Onte continuamos lendo Poemas da cidade oculta no club de lectura A árbore vermella, e ó final da sesión tivemos varias sorpresas: Lara tróuxonos o seu "itinerario", amosounos un moi fermoso cadro feito por ela mesma e falounos do camiño que tivo que percorrer ata ser quen de rematalo, pensou que non podería facelo mais finalmente....

Logo, Marita amosounos como está a progresar o seu "camiño" e Víctor amosounos dous "itinerarios",un deles feito recentemente a partir dunha película que lle gustou moitísimo e outro elaborado hai xa moito tempo no que arquitectura, cidade, literatura... cóllense da man.

Enriba tedes un vídeo no que escoitades a algúns alumnos lendo Poemas da cidade oculta e tamén a Lara falando do seu cadro e a Víctor e Marita dos seus respectivos "itinerarios".

Ese vídeo e un "avance". Os "itinerarios" de todos os alumnos que os vaian facendo e os dos profes formarán parte dunha presentación que  poderedes ver neste blog.

TABOLEIROS CLUB DE LECTURA

Moitísimas grazas a Víctor e ós seus alumnos de Deseño Gráfico Dixital de 3º ESO A e B polos fermosos taboleiros que fixestes para que o club de lectura A Árbore Vermella puidese ir anunciando, na entrada do instituto e da biblioteca, as súas actividades.

GRACIÑAS!!!!!!!  :-)

Lendo " Poemas da cidade oculta"

No club de lectura xa estamos en marcha con Poemas da cidade oculta, o libro de Estevo Creus do que vos falamos en artigos anteriores. Houbo unha longa introdución na que entramos en contacto co autor e a súa obra, limos e reflexionamos sobre os poemas iniciais e os profes, ó final da sesión, falaron do proxecto que lles gustaría levar a cabo con todos os integrantes do club a partir da lectura do poemario. Gustaríanos construir os nosos itinerarios. De feito, amosámoslles ós rapaces e rapazas dous que temos en proceso de elaboración. Agora, a seguir lendo, pensando e creando, que seguro que ideas fascinantes, que se convertirán en realidades abraiantes, sairán das cabezas dos nosos alumnos.

Adiviña quen é: Nova Edición

Adiviña quen é: Nova Edición

Comeza unha nova edición do concurso "Adiviña quen é". Quen será o importante persoeiro que tedes na foto?

Se facedes click aquí accederedes a datos da súa biografía e aquí tedes algunhas frases ditas por esta relevante figura do mundo da cultura.

Coma sempre, para participar é preciso enviar un e-mail co voso nome e apelidos, curso, grupo e instituto ó seguinte enderezo: ribeirachivite@gmail.com.

Podedes enviar os vosos e-mails entre o de 19 Xaneiro e o 30 de Marzo.

Sortearase un agasallo entre aqueles que acerten o nome do personaxe oculto.

ÁNIMO e A PARTICIPAR!!!!!!!!!!!!!!

Adiviña quen é: Parabéns ós gañadores

Enriba tedes as fotos de Alejandra, Miguel, Marta e Mercedes co seu agasallo, xa que participaron no concurso Adiviña quen é e acertaron o nome da personaxe descoñecida: Vandana Shiva.

Queremos felicitalos a todos eles e animarvos a seguir participando en vindeiras edicións do noso concurso conxunto co IES Ribeira do Louro de Porriño.

Adiviña quen é: Vandana Shiva

Adiviña quen é: Vandana Shiva

Rematou a primeira edición do concurso Adiviña quen é neste curso 2011-2012.

A figura oculta era, como algúns de vós descubristres, a de Vandana Shiva.

Doutora en Ciencias Físicas (1978), é unha das ecoloxistas, feministas e filósofas da ciencia máis prestixiosas a escala internacional que loitan activamente contra o modelo neoliberal de globalización e a favor dos dereitos dos pobos.

AQUÍ podedes accedes a artigos seus.

AQUÍ vídeos subtitulados.

AQUÍ   e AQUÍ entrevistas con Vandana Shiva.

Parabéns a Miguel e Alejandra Franco, de 3º ESO do IES Xesús Taboada Chivite, e a Mercedes Castro e Marta Cid, de 2º ESO do mesmo instituto.

O gañador do IES Ribeira do Louro foi Modesto Iglesias Salgueiro. As nosas felicitacións para ti tamén!!!!!!

DEREITOS HUMANOS

DEREITOS HUMANOS

10 de decembro de 1948 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas proclamou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Pasaron máis de 60 anos e o incumprimento dos seus artigos denúnciase a diario. A liberdade, a xustiza e a paz son dereitos iguais e inalienabeis para todo o mundo, porén seguen a ser unha utopía e non unha realidade.

"Cerca de tus ojos" é un documental que realiza un desolador repaso polo incumprimento dos dereitos humanos dende a firma da Declaración Universal, hai máis de 60 anos.

Ana é unha xornalista nova, que, polo seu traballo, percorreu diferentes lugares do mundo. Dende a súa adolescencia, por influencia do seu pai, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o seu contido supuxeron un lugar dende o que observa o mundo. Ana pregúntase se os artigos da Declaración se cumpren ou se foron un fracaso.

A partir de aquí, Ana narra a difícil situación que viven persoas de diferentes nacionalidades e razas. A través de imaxes de arquivo fai un percorrido por diferentes países para denunciar a violación diaria destes artigos. Un por un vanse revisando os 30 artigos da Declaración.

Ademais, o documental aborda as posibilidades que brindan as novas tecnoloxías para ter una maior conciencia do que ocorre noutros lugares do mundo e culmina cun final esperanzador, que destaca os avances que se produciron.

Dirixido por Elías Querejeta, conta coa actriz Maribel Verdú como narradora.

Ver o documental, emitido por TVE 2 o 10 de decembro de 2011, AQUÍ.

Nós, cidadáns individuais tamén podemos colaborar para que se respecten os dereitos humanos. A continuación informámosvos dunha iniciativa que parte de Amnistía Internacional: actuar enviando cartas para que presos políticos poidan recuperar a súa liberdade ( unha iniciativa similar logrou a liberdade de varias persoas o ano pasado). Trátase dos presos do centro penitenciario de Yodok en Corea del Norte, da activista siria da “primavera árabe” Hanadi Zahlout, e do obxector de conciencia turco Halil Savda.

FACEDE CLICK AQUÍ

Como vedes, podedes enviar as cartas nas que pedides a liberación dos presos que están no cárcere por exercer a súa liberdade de expresión a: 

R/ Fernando VI, Nº8 - 1º Izda, 28004 Madrid, a nome de Carlos Sanguino.

ANTES DO 19 de Decembro!!!!!!!!!!!!!

O MODELO DE CARTA ESTÁ NO ANEXO 2 Ó QUE ACCEDEDES PREMENDO AQUÍ

BO NADAL!!!!!!!!

BO NADAL!!!!!!!!

Dende A árbore vermella desexámosvos un Nadal moi, moi ledo e que descansedes moito para retomar con renovadas forzas o noso club de lectura á volta destas festas.... Que temos moito que compartir!!!!!! Coma sempre, AGARDÁMOSVOS!!!

Estevo Creus : balea2

Estevo Creus :  balea2

Como vos diciamos nun artigo publicado neste blog (premede aquí ), este ano o poeta galego cuxa obra visitaremos no club de lectura é Estevo Creus. "Traballaremos"  Poemas da cidade oculta e O libro dos cans.

Estevo Creus ven de publicar un novo poemario, balea2, resultado dunha colaboración co poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, que nos visitou o ano pasado, e con quen tanto gozamos alumnos e profes (premede aquí ).

Di Estevo Creus:

"Este libro existe gracias a meu ben querido amigo e poeta Celso Fernández Sanmartín, que xuntando a nenos de a cinco e a vellos de a 100 nunha residencia de anciáns, tiveron a ben escribirme e mandarme debuxos de baleas.
...
Con eses debuxos e esas experiencias tentei escribir un libro que fora para todos: poemas de adultos para nenos e poemas de nenos para adultos coa intención de que a lectura fora conxunta, as explicacións e entendementos recíprocos, e de que as risas, se as houber, foran compartidas.
...
Do que si estou certo, é de que todos estes textos nunca estarán á altura do acontecido eses días, e de que, etesa eu onde estea, e pasen os anos que pasen, eu sempre vivirei alí, con eles:habitando entre cetáceos."

Por certo, a compañía Traspediante levou ó Culturgal, a feira da cultura galega, a súa obra baleadas, unha peza escénica pedagóxica, que mistura o teatro e a danza. Ao atractivo destas dúas disciplinas, a peza engade a animación audiovisual xenerada en directo. A obra, dirixida ao público infantil, está inspirada no poemario balea2 de Estevo Creus e supón un xogo permanente entre as baleas, as cores e o público (vídeo enriba).

 

ÍNDICE DESTE BLOG

ÍNDICE DESTE BLOG

Fai click aquí para ir ó índice deste blog e ver os títulos dos posts publicados dende 2009.

Campaña solidaria

Open publication - Free publishing - More biblioteca