Blogia
bibliochivite

8 de Marzo Día Internacional da MullerTraballadora

A profesora de filosofía Virginia Calviño, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do seu centro, o IES Ribeira do Louro de Porriño, leva anos organizando, cada 8 de Marzo, unha moi interesante actividade co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Alumnas de varios cursos asumen o papel de mulleres sobranceiras para explicar os seus logros en diversos eidos: Literatura, Medicina, Pintura, Física e Química, Matemáticas...

A actividade resulta un xeito excelente de reivindicar o extraordinario labor desenvolvido por estas mulleres, que en moitos casos tiveron que loitar contra a misoxinia da época e que ás veces ademais foron ignoradas polo público en xeral debido ao predominio dunha historiografía con tintes machistas. 

 Virginia Calviño, que traballou no noso centro hai anos e xa preparou daquela  esta representación (aínda que co paso do tempo, aumentou o número de mulleres cuxas vidas serviron de base ós textos representados polas alumnas)  deixounos ós membros do equipo da biblioteca do IES Taboada Chivite os textos que foi preparando ó longo do tempo (últimamente, como xa dixemos, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do seu centro) e tamén imaxes das rapazas que deron vida a estas importantes mulleres. Grazas ó seu traballo este ano no Taboada Chivite celebraremos o 8 de Marzo dando a coñecer a todos os nosos alumnos de ESO a Safo, Trótula de Salerno, Ada Byron, Rosalía de Castro, Marie Curie e Frida Kahlo.

No salón de actos xuntaranse  a 2ª, 3ª, 4ª e 6ª horas, os alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO, durante as súas titorías, para ver e escoitar as súas compañeiras de 3º ESO D e 2º ESO D, que sairán a escena acompañadas por unha presentación de power-point. Despois da súa actuación proxectaremos un documental (Conta con elas) sobre mulleres galegas que desempeñan traballos tradicionalmente masculinos: electricistas, albaneis, empresarias... Un documental polo que tamén damos as grazas a Virginia Calviño, que nos falou del e proporcionóunolo.

 Facendo click no nome de cada muller accederedes ós textos que as nosas alumnas van interpretar:

Safo (Jeanette Martínez 3º ESO D), Trótula de Salerno (Sara Vizcaya 3º ESO D),  Ada Byron (Nerea Rivero 3º ESO D), Rosalía de Castro (Vicky Pérez 2º ESO D), Marie Curie (Laura Jardón 3º ESO D), Frida Kahlo (Laura Rúa 3º ESO D).

Por outra banda, estarán expostos na biblioteca textos escritos polos alumnos do centro baixo o título Mulleres con mérito e sen fama (fai click aquí e aquí). Nestes textos os rapaces e rapazas fálannos da vida, ás veces dura, abnegada e sen recoñecemento das súas nais, avoas, bisaboas...

Tamén estará colgado un mural titulado As mulleres galegas de onte e de hoxe ( fai click aquí e aquí). A través del o noso alumnado poderá coñecer importantes figuras femininas, moitas delas esquecidas, como: Andrea López Chao, Clara Corral Aller, Olimpia Valencia, María Pita, Hildegart Rodríguez, Maruja Mallo, Francisca Álvarez, María Luz Morales, María Castaña, A bella Otero.

Outro mural, en forma de pendón, elaborado por Daniel, do Departamento de Grego, réndelle homenaxe a Irene Sendler, unha muller valente e comprometida que salvou a 2500 bebés xudeus da morte a mans dos nazis. 

O xoves 11 de Marzo proxectaráse a película Ágora (tedes o tráiler na parte superior), de Alejandro Amenábar, sobre a vida de Hipatia de Alejandría, no salón de actos do instituto . Animámosvos a todos e a todas a vir vela. Seguro que vos gustará.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres