Blogia
bibliochivite

Club de lectura a árbore vermella

KIWI E BLACK HOLE, AMBICIÓN E AVARICIA

Kiwi e Black Hole (click aquí para ver The Black Hole) son dúas curtas que compartiremos este curso que comeza cos rapaces que asisten ó club de lectura.

Que diferencias vedes entre avaricia e ambición? Cal das curtas reflicte mellor cada un deses conceptos?

Coñecedes a historia do Rei Midas? Que adxectivo usaríades para describilo?

Sabedes quen era Alí - Babá? E a el que adxectivo lle aplicaríades?

ADIVIÑA QUEN É - ERNESTO SÁBATO

Rematou a derradeira edición do concurso "Adiviña quen é".

"Sólo quienes sean capaces de encarnar la UTOPÍA serán aptos para el combate decisivo, el de recuperar cuanto de humanidad hayamos perdido"

A figura oculta, a que pronunciou as palabras citadas era a do escritor arxentino, recentemente finado, ERNESTO SÁBATO.

Tedes información sobre El Túnel, Sobre héroes y tumbas e sobre Abbadón el exterminador, as tres grandes novelas de Sábato.

Este é o Directorio Sábato, un índice de páxinas sobre o escritor.

Enriba tedes o tráiler do documental Ernesto Sábato, mi padre, dirixido por Mario Sábato.

Parabéns ás gañadoras do IES Xesús Taboada Chivite, Iria Prieto Domínguez e Mercedes Castro Cid e ó gañador do IES Ribeira do Louro, Borja Alonso Estévez,todos eles alumnos de 1º de ESO.

ATA O VINDEIRO CURSO!!!!!!!!

GRAZAS, GRAZAS, MIGUEL

Infinitas grazas, Miguel. Agasallos como o teu fan que todo cobre sentido.

MEMORIA DO CLUB DE LECTURA A ÁRBORE VERMELLA

Enriba tedes a memoria que o noso club de lectura vai presentar á Consellería (en todo caso con algunha leve modificación no derradeiro intre). AQUÍ o mesmo documento, mais cos hipervínculos activados.

Xuntanza con ex-alumnos e ex-profes

Xuntanza con ex-alumnos e ex-profes

Onte foi a nosa última xuntanza con ex-alumnos e profes... por este ano, porque seguro que seguiremos compartindo o vindeiro curso.

Mandámoslle unha aperta moi especial a Javi e ás nosas futuras xornalistas (arriba tedes a foto dunha delas, Lara). Queremos ver as vosas curtametraxes o vindeiro ano no club!!!!!!!! :-)

Moi bo verán!!!!!

Grazas polos vosos escritos

Nun papel enrugado ou nun moi limpiño. Verbas moi meditadas ou pensamentos capturados nun intre. Natureza, terra, emocións, medos, intimidades...o propio clube... todo o que pasa polas vosas mentes acaba chegando a eses anaquiños de papel que tan a miudo nos regalades. En artigos anteriores deste blog xa fomos recollendo, ás veces coas vosas propias voces gravadas, os vosos escritos, polos que unha e outra vez vos damos as GRAZAS.

O club de lectura pensando no vindeiro curso: ESTEVO CREUS

No club de lectura A árbore vermella xa temos en mente o poemario en galego que leremos o vindeiro ano. Trátase de Poemas da cidade oculta (AQUÍ unha escolma), de Estevo Creus. (Moitísimas grazas a Celso Fernández Sanmartín por este descubrimento).

" Poemas da cidade oculta deita unha ollada sobre as causas íntimas, sobre as elipses do corazón, sobre a visión dun neno que observa como se descuartiza unha balea."

Se facedes click aquí accederedes a estevocreus.blogspot.com, onde aparecen tamén algúns Poemas da cidade oculta (fai click tamén aquí). Premendo aquí chegaredes á información sobre este poeta, músico, psicólogo, fundador do grupo Talía Teatro... que aparece na páxina de AELG: Autobiografía , obra, videoteca, fonoteca, materiais didácticos, outros documentos.

Aquí tedes poemas de Estevo Creus que aparecen  en Enfocarte.com, nunha Antoloxía de Nova Poesía Galega publicada nesta páxina de arte e comunicación na rede.

Este é un artigo publicado en El País e este foi publicado en La Voz de Galicia. En leyendopoesia.blogspot.com publicaron o artigo Estevo Creus, noticias encendidas.

Tamén nos acercaremos á súa obra O libro dos cans (preme aquí e aquí)

 

Ata o vindeiro curso!!!!!!!!

Moitísimas grazas a Jordi, Sofía, Esther, Alba, Sabela, Miguel, Alejandra... porque escribides de marabilla e compartides connosco o que vos sae de dentro.

Moitísimas grazas a Javi, polo seu escrito que nos enriquece a moitos niveis.

Moitísimas grazas a David, pola lectura e a música.

Moitísimas grazas, Antonia, por traernos a Neruda e recitalo tan magníficamente.

Moitísimas, eternas grazas a todos vós, os nenos e nenas que facedes posible, unha e outra tarde, A árbore vermella.

GOZADE MOITO DO VERÁN!!!!!!!  BICOS !!!!!!!!!

Derradeiro día do club de lectura cos alumnos de ESO

Derradeiro día do club de lectura cos alumnos de ESO

Día de despedida no que lemos textos escritos por profes e alumnos do club e escoitamos cancións interpretadas con voz e piano tamén por profes do club (somos admiradores de Os Miserables, do musical e da obra de Victor Hugo).

Queremos dar as grazas dun xeito especial a Javi Fontenla, ex-profe de Lingua Castelá e Literatura do Centro, quen nos enviou un fermoso agasallo, un texto escrito por el sobre o "lado escuro" na literatura (pero que tamén contén destellos de luz), que permite que os alumnos escoiten falar de autores como:

 BécquerMaupassant, Fiodor Dostoievski, Edgar Allan Poe, Emily Brönte, Dashiell Hammett , Graham Greene , H. P. Lovecraft e Ernesto Sábato. (Fai click aquí). Grazas, grazas, Javi, polas palabras tan fermosas que nos dedicas.

Moitas grazas tamén a David pola súa sorpresa en forma de poema, pola súa interpretación ó piano das pezas de Os Miserables e por suxerirnos a escoita de El idioma de los Dioses, de Nach Scratch.

No club de lectura Eduardo Galeano xa é unha voz familiar que nos lembra a dignidade. Remataremos escoitando as súas palabras sobre razón e corazón.( a partir do minuto 7:55 deste vídeo)

A GOZAR DO VERÁN!!!!! E NON VOS ESQUEZADES DE LER!!!!!!!!!

Na Xuntanza AXENDA 21 en Pontevedra

O proxecto do club de lectura Fucsia, talladas, estampados, boca, foi presentado onte na Xuntanza de Centros Educativos vinculados coa Axenda 21 que tivo lugar en Pontevedra. Nerea, alumna de 4º ESO C, foi quen fixo unha descrición do proxecto ante o público presente no auditorio do Pazo de Congresos de Pontevedra e despois proxectouse unha presentación que resumía o feito. A continuación ela e os seus compañeiros de 4º ESO C presentaron o traballo que fixeron co seu profesor de música, David: un estudo sobre o ruido e os seus efectos e sobre outros conceptos con el vinculados: silencio, harmonía... Remataron a súa presentación interpretando con láminas a peza "Fiesta Pagana", de Mago de Oz.

Premendo aquí accederedes ás fotos.

O segundo vídeo corresponde á nosa actuación do ano pasado. (O club de lectura levou o proxecto "Cultivos Transxénicos", baseado na obra do poeta Carlos Negro).

Moitas grazas, alumnos/as de 4º ESO C.

O club de lectura asiste a unha charla de Xosé Carlos Caneiro na Biblioteca Municipal de Verín

Os rapaces e rapazas do club de lectura asistiron onte a unha charla na Biblioteca Municipal de Verín, que reuniu clubes de lectura do concello, dada polo escritor Xosé Carlos Caneiro, quen reflexionou sobre o mundo da literatura, falou da súa obra e do "oficio" do escritor e recitou algún poema.

Moitas grazas desde A Árbore Vermella pola invitación.

Entrega dos agasallos de Celso Fernández Sanmartín no "Río - Círculo"

Este ano, como sabedes por artigos anteriores sobre A árbore vermella, lemos o poemario de Celso Fdez. Sanmartín Fucsia, talladas, estampados, boca. A lectura e todo o que saiu dela convertíronse nunha experiencia inesquecible que puidemos compartir co autor da obra. El, extremadamente xeneroso, enviounos un agasallo: exemplares de Fucsia para todos os rapaces.

Onte foi a entrega do agasallo. Nun principio tiñamos pensado voltar ó río, onde lemos parte de Fucsia e vivimos unha tarde na que gozamos especialmente desa lectura, mais o mal tempo non nos permitiu unha nova camiñata ata o río. Porén, a solución resultou fantástica: fomos ata o círculo de ramas feito xa hai tempo por Víctor e os seus rapaces e rapazas, xa case convertido nun pequeno bosque e nel, a tea solidaria que todos os anos fai Víctor, profe de Plástica e os seus alumnos (este ano o club de lectura tamén lle adicou unha sesión - fai click tamén aquí) convertiuse nun río. Á beira dese río simbólico todos recollemos os nosos poemarios. Logo recitamos todos xuntos poemas de Fucsia e escoitamos a Marta, Mercedes (click tamén aquí), Lucía, Vicky lendo textos seus... Que grandes escritoras.

Máis vídeos: Camiñando cara o círculo-río - Extendendo a tea-río - Recollida agasallo Fucsia 1 - Recollida agasallo Fucsia 2  - Lendo Fucsia a dúas voces 1 - Lendo Fucsia a dúas voces 2 .

MOITAS GRAZAS, Celso. MOITAS GRAZAS a todos os nenos e nenas.

Concurso "Adiviña Quen É" - Última edición deste curso

Concurso "Adiviña Quen É" - Última edición deste curso

Chega a cuarta e última edición do concurso Adiviña Quen É deste curso. Seredes quen de adiviñar a identidade do escritor descoñecido?

 Lede a información que vos damos sobre el (enriba), fixádevos na súa imaxe distorsionada e, se pensades que sabedes quen é, enviade un e-mail co voso nome e apelidos, grupo, curso, instituto (Ribeira do Louro ou Taboada Chivite) e, por suposto, o nome do escritor a ribeirachivite@gmail.com

O prazo  para concursar é do 20 de Maio ó 17 de Xuño de 2011.

ÁNIMO!!!!!!!!! A PARTICIPAR!!!!!!!!!!!!!

 

GRAZAS, XOSÉ MANUEL

Moitas grazas a Xosé Manuel, profe de filosofía do IES García Barbón, por ternos descuberto o fascinante mundo do I Ching, do Ying e o Yang, da sabedoría oriental. O I Ching "falounos" do noso club de lectura, de expansión como a das ondas nas augas, dun estado de puro Yang... Luz, forza....

Grazas, unha vez máis, a todos os rapaces e rapazas que compartistes esta sesión, unha das derradeiras deste ano.

GRAZAS, HILDA

Moitas grazas,Hilda, pola tarde de onte no club de lectura... Polas palabras, os versos, a túa voz lendo... Grazas de todos os rapaces e rapazas que alí estaban. Para eles es, tamén, un estímulo, un referente.

Charla sobre o I Ching

Charla sobre o I Ching

O xoves 12 de Maio teremos a sorte de contar con Xosé Manuel, profesor de filosofía do IES García Barbón, para que nos fale dun tema fascinante, o I Ching.

O I Ching, ou Libro das Mutacións, é o máis antigo e profundo dos libros clásicos de China. É un libro de sabedoría cuxo uso tradicional era o de dar resposta ás importantes preguntas que os homes de estado lle formulaban (agora todos podemos disfrutar da súa sabedoría).

Crese que describe a situación presente de quen o consulta e predí o modo no que se resolverá no futuro se se adopta ante ela a posición correcta. É un libro adivinatorio e tamén un libro moral, á vez que pola súa estrutura e simboloxía é un libro filosófico.

As dúas grandes ramas do pensamento Chino, o Confucionismo e o Taoísmo, teñen no Libro das mutacións as súas raíces comúns.

Moitísimas grazas a Xosé Manuel por abrirnos esta porta, por invitarnos e axudarnos a descubrir este mundo.

Concurso "Adiviña quen é" 3ª edición - Noam Chomsky

Concurso "Adiviña quen é" 3ª edición - Noam Chomsky

Rematou a terceira edición do concurso "Adiviña quen é", que, como sabedes, levamos a cabo conxuntamente dende o noso club de lectura A árbore vermella e o IES Ribeira do Louro. Nesta terceira edición o personaxe oculto foi Noam Chomsky (premede tamén aquí).

Parabéns a Aarón Rúa, María Pérez, Irene Romero, Pablo José Calvo e María Romero, do IES Taboada Chivite, por ter acertado. Parabéns tamén a Iván Rodríguez Domínguez, do IES Ribeira do Louro.

Moi pronto a cuarta e derradeira edición por este ano de "Adiviña quen é". Estade atentos!!!!!

Lembrade, os autores que descubrimos ata agora foron Saramago, Mª Xosé Queizán e Chomsky.

A PAZ

Con moito retraso, pero máis vale tarde que nunca, colgamos os textos escritos por alumnos sobre a paz. Premede AQUÍ para acceder ó artigo publicado neste mesmo blog no que falabamos dunha actividade que fariamos despois do Día da Paz.

Moitas grazas a Elisa, profe de Lingua Castelá e Literatura e, por suposto a todos os alumnos e alumnas que escribistes uns textos tan interesantes.

Ana María Matute

"La Literatura ha sido, y es, el faro salvador de muchas de mis tormentas ", dixo Ana Mª Matute (click aquí) ó recibir hoxe o Premio Cervantes (é a terceira muller galardoada con este premio).

Fantasía, imaxinación, que opón a árida actitude que se nega a ver a dimensión espiritual do material, emoción, sentimento...inundaron hoxe o discurso da autora que nunca perdeu a inocencia.

Dende aquí podedes acceder a artigos xornalísticos sobre a grande escritora barcelonesa.

Este é o discurso de Ana Mª Matute ó ingresar na R.A.E.

Estas son citas de Ana Mª Matute.

Aquí está o seu conto favorito, El niño al que se le murió el amigo.

Teresa Losada escribe en Robando Rosas sobre Ana Mª Matute.

Aquí e aquí tedes uns breves vídeos nos que podedes ver e escoitar á escritora durante a cerimonia de entrega do Cervantes.

O vindeiro xoves no club de lectura leremos os relatos dunha novísima escritora, que está a dar os seus primeiros pasos no mundo da literatura, e o discurso de aceptación do Cervantes de Ana Mª Matute. Unha fermosa traxectoria que comeza e un camiño longo, mais que preserva moito da súa nenez, daranse a man.

25 DE ABRIL - O TESOURO

Facede click AQUÍ e leredes / escoitaredes / veredes O Tesouro. Un conto para o 25 de Abril  e para sempre