VALADOS
Helena vive nunha rúa de casas idénticas cun pequeno xardín, diferente da de Xoel, estreita e con casas antigas, por onde pasa para buscalo e ir xuntos ó colexio. Polas tardes, reúnense no eido baixo o gran carballo: é o seu refuxio segredo.
Unha mañá atopan na rúa moi pouca xente conversando en voz baixa. As fiestras están pechadas e reina un raro silencio. Na escola, Violeta, a mestra, está seria e incluso dúas bágoas escorréganlle pola faciana. Á mañá seguinte algúns comercios aparecen pechados e con verbas ofensivas nas portas. Algunhas persoas camiñan con presa mentres grupos de homes alardean en voz alta. Hai un mal aire que parece envelenar a vila enteira, coma se unha pantasma invisible lles tivera roubado o sorriso a uns para dárllelo a outros. Esa noite, os pais de Helena prohíbenlle seguir xogando con Xoel ou ir polo seu barrio. Ten que facer outros amigos entre os seus veciños. A pantasma ergue muros invisibles que separan as persoas. Cando Helena e Xoel se atopan falan agora de fiestras con cristais rotos, de miradas de desprezo, de discursos apaixoados na radio con palabras como "ilegais" ou "segregación". Eles prometen seguir sendo amigos sempre e gardan unha caixiña metálica cun cartón coas iniciais dos seus nomes nun burato xunto o carballo...
POR ENRIBA DE TÓDALAS FRONTEIRAS, POR ENRIBA DE MUROS E VALADOS, SI OS NOSOS BERROS SON IGOALES, COMA UN IRMÁU CHE FALO...
De derrubar muros e valados fala Irmaus, o poema de Celso Emilio Ferreiro do que Agustín Fernández Paz toma estes versos para o comezo da súa obra Valados.(Aquí tedes o poema cantado por Fuxan os Ventos)
No club de lectura leremos Valados e falaremos de como derrubalos. Veremos Los muros que no han caído e a presentación Los muros en el mundo ó tempo que escoitamos The Wall, de Pink Floyd e escoitaremos a Eduardo Galeano lendo o texto Muros (Aquí parte 1 e aquí parte 2).
Tamén de valados, de raias fala este precioso texto escrito pola nosa compañeira Antonia,
A lectura de Valados terá lugar despois do Nadal, mais dado que Agustín Fernández Paz estará presente, ben en persoa, ben a través de video-conferencia, na Casa da Cultura de Verín en Outubro, farémoslles os nosos lectores unha breve introdución e acudiremos con eles á Casa da Cultura.
0 comentarios