A ÁRBORE VERMELLA
Enriba tedes a obra que da nome ó noso club.
A Árbore Vermella é, probablemente, unha das obras ilustradas máis fermosas que coñecemos. O seu autor, Shaun Tan, é un australiano duns trinta e poucos anos que comezou facendo ilustracións de ciencia ficción. É Barbara Fiore Editora quen nos trae esta xoia e tamén outras do mesmo autor, como Emigrantes ou A Cousa Perdida.
(Podes ver aquí a curtametraxe de animación The Lost Thing e se fas click aquí accederás ó trailer).
A Árbore Vermella cóntanos, brevísimamente, un día na vida dunha rapaza que, ó espertar, sinte que peso do desánimo éncheo todo e que ninguén a comprende, pero...
Iso é o importante deste libro de Shaun Tan, que hai un pero e un despois para eses momentos de desánimo. A beleza das ilustracións conmove e impacta. O texto, apenas unha liña por ilustración, é dunha sinxeleza e un candor que nos fai sentir o mesmo que esa nena, ser esa nena. Utilízase un formato de letra similar ó das antigas máquinas de escribir. Abrir cada páxina do libro é transportarnos a un mundo máxico onde a cor gris no é somentes gris e a gama de vermellos énchenos de esperanza e consolo.
Este libro amósanos o comezo e o transcurso dun día triste, como os que tantas veces temos, e nos invita a esperar polo miragre alí onde só cremos que hai frustración.
0 comentarios