Blogia

bibliochivite

MÚSICA NO CLUB DE LECTURA

MÚSICA NO CLUB DE LECTURA

Despois do éxito do curso pasado, repetimos este ano a experiencia de dedicar unha sesión do club á escoita das nosas pezas favoritas. Esta é a nosa selección:

Teresa Losada escolleu Cigarettes (aquí está a letra), dunha novísima compositora chamada Russian Red (desta mesma cantante recomendounos They don’t believe e a versión que fai de Girls just want to have fun de Cindy Lauper). Tamén lle encanta Moriría por vos ( aquí está a letra), de Amaral e, dentro do eido da música clásica, o Canon de Pachelbel (Pachelbel), a Aria de Bach (Bach) e o Lago dos cisnes de Tchaikovski (fai click aquí). Gústanlle tamén a Teresa bandas sonoras. Encántalle o Vals de Amelie e Os Chicos do Coro.

A Isabel gustaríalle escoitar Desafinado (aquí a letra), de Antonio Carlos Jobim e Newton Mendoça. Non é moi entendida, pero gústalle a Bossa Nova.

David suxírenos a Balada nº 3 de Chopin (clickeade aquí para acceder a unha análise desta peza que fixo David) (David ten un artigo dedicado a Chopin no seu blog). Tamén nos recomenda pezas de Nach Scratch como Ángel (letra aquí) e Sr Libro y Sr Calle (letra aquí)

Irene, de 3º ESO, suxírenos Kiss the rain, de Yiruma.

Entre as suxestións de Antonia está Romeo e Xulieta, de Prokofiev.

Lucía, de 1º ESO, recoméndanos Tú y sólo tú de XRIZ.

A Juan, de 1º ESO, gústanlle Sólo para ti, de Camila e Quisiera poder olvidarme de ti, de Luis Fonsi.

Sofía, tamén de 1º ESO, suxire Mi historia de amor, de Blaze.

A suxestión de Javier Fontenla é Naturaleza Muerta, de Mecano.

Mario Sergio suxire Arise, de Flyleaf e For Those Who Wait, de Fireflight.

 

MOITííííííííííííííSIMAS GRAZAS, DAVID, por todo o teu traballo e polo magníficamente que transmites a túa sabedoría.

Nova edición de ADIVIÑA QUEN É (Proxecto Ribeira do Louro - Taboada Chivite)

De Buzón

Atréveste a participar nunha nova edición  do concurso ADIVIÑA QUEN É  (click aquí para ver o resultado da primeira) e descubrir a identidade desta figura misteriosa?

Fai click aquí.

Se acertas a identidade do personaxe participarás no sorteo dun agasallo.  

Envía unha mensaxe co teu nome e apelidos, o teu curso e grupo, o nome do teu instituto (Ribeira do Louro ou Taboada Chivite)(o nome do instituto debe aparecer en asunto) e, por suposto, o nome da figura misteriosa, ó seguinte enderezo:

ribeirachivite@gmail.com

O agasallo sortearase entre as respostas correctas recibidas entre o 29 de Novembro e o 10 de Xaneiro.

CONCURSO ADIVIÑA QUEN É (Proxecto Ribeira do Louro -Taboada Chivite)

Rematou o prazo para participar en "Quen é?", o concurso organizado polos institutos Ribeira do Louro e Xesús Taboada Chivite. A figura oculta era a de Saramago, e as gañadoras foron....

No IES Xesús Taboada Chivite  María Pérez Lage e Iria Prieto Domínguez, de 1º ESO D.

No IES Ribeira do Louro Ana Díaz Freiría, Beatriz Domínguez González e Liliana Mariño Silva de 1º de Bacharelato.

PARABÉNS!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

MOITAS GRAZAS A TODOS OS QUE PARTICIPASTES E A SEGUIR FACÉNDOO NA PRÓXIMA EDICIÓN, QUE SERÁ MOI PRONTO!!!!!!!!!!!!!!!!

CANDO A HISTORIA É A NOSA

Que a Historia é ás veces infranqueable é indubidábel. Mais se quen cha conta é César, o libro transfórmase en algo vivo e recoñecíbel. E se ademais che permite ir da súa man polos corredores do tempo, podes ver incluso os teus bisavós, os bisavós dos teus bisavós e recoñerte.

 

Videoconferencia de Agustín Fernández Paz

Onte os alumnos que asisten ó club de lectura tiveron a oportunidade de asistir a unha videoconferencia na Casa da Cultura de Verín. Agustín Fdez.Paz, o autor de Valados, unha das obras que leremos este curso no club e á que xa lle adicamos unha sesión de presentación, falounos desta historia, dos muros visibles e invisibles que enchen as nosas vidas. Os rapaces tiveron a oportunidade de facerlle moitas preguntas ó autor, que respostou coa sensibilidade, proximidade, afabilidade... que o caracterizan. Enriba tedes fotografías tomadas antes e durante a videoconferencia.

A ÁRBORE VERMELLA

Enriba tedes a obra que da nome ó noso club.

A Árbore Vermella é, probablemente, unha das obras ilustradas máis fermosas que coñecemos. O seu autor, Shaun Tan, é un australiano duns trinta e poucos anos que comezou facendo ilustracións de ciencia ficción. É Barbara Fiore Editora quen nos trae esta xoia e tamén outras do mesmo autor, como Emigrantes ou A Cousa Perdida.
(Podes ver  aquí a curtametraxe de animación The Lost Thing e se fas click aquí accederás ó trailer).


A Árbore Vermella cóntanos, brevísimamente, un día na vida dunha rapaza que, ó espertar, sinte que peso do desánimo éncheo todo e que ninguén a comprende, pero...

Iso é o importante deste libro de Shaun Tan, que hai un pero e un despois para eses momentos de desánimo. A beleza das ilustracións conmove e impacta. O texto, apenas unha liña por ilustración, é dunha sinxeleza e un candor que nos fai sentir o mesmo que esa nena, ser esa nena. Utilízase un formato de letra similar ó das antigas máquinas de escribir. Abrir cada páxina do libro é transportarnos a un mundo máxico onde a cor gris no é somentes gris e a gama de vermellos énchenos de esperanza e consolo.

Este libro amósanos o comezo e o transcurso dun día triste, como os que tantas veces temos, e nos invita a esperar polo miragre alí onde só cremos que hai frustración.

ARTIGOS DE MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ

ARTIGOS DE MÓNICA PAZOS MARTÍNEZ

A nosa compañeira e amiga Mónica Pazos, coeditora de Cartas á nai, é, como un lector comenta a un dos deus artigos na revista dixital Terra e tempo, un pozo de sabedoría. Ademais é un ser extraordinariamente humilde e sempre disposto a compartir. Compartir coas coordinadoras do club de lectura A Árbore Vermella e todos os seus integrantes é algo que fai a cotío. Se temos descuberto moitos libros, se temos asistidos a actos culturais interesantísimos é grazas a ela.
Recentemente Mónica viaxou a Bos Aires e, amante como é dos libros e das librarías, en librarías de vello de alá descubriu verdadeiras xoias, edicións de obras de autores como Castelao, que teremos o privilexio de ver, de tocar, de apalpar próximamente no club ó tempo que Mónica nos fala, nos conta.
Tedes a continuación algúns dos artigos publicados por Mónica na revista Terra e Tempo:
A XERACIÓN DOS 80
 
UNHA LECTURA DE SCÓRPIO, DE RICARDO CARVALHO CALERO  
LERMOS A NOSA BANDA DESEÑADA
 
INÉS DE CASTRO, UNHA MULLER GALEGA DO SÉCULO XIV
 
CASTELAO, ILUSTRADOR DE LIBROS INFANTÍS E XUVENÍS

O CLUB COMEZA DE NOVO

Enriba tedes unhas fotos tomadas o primeiro día no club este ano , antes de comezar a sesión. Estivemos observando encantados e comentando o traballo que Víctor e os seus alumnos de deseño grafico dixital están a facer: carteis anunciadores, unha árbore vermella cuxas raíces trepan polas escaleiras do centro ata chegar á biblioteca.... Os paneis da biblio comezan a cobrar de novo vida grazas a eles... E ademais sábennos "captar". Polo voso traballo, a vosa creatividade, a vosa ilusión...O noso máis profundo agradecemento.

Contos no club de lectura: "La noche estrellada", "Historia da resurrección do papagaio" e "Chocolata"

"E se as historias para os nenos fosen lectura obrigatoria para os adultos?", di Saramago en A flor máis grande do mundo, que tamén lemos e vimos no club.

No club de lectura leremos contos para nenos de todas as idades que queren aprender:

La noche estrellada, de Jimmy Liao (fai tamén click aquí e aquí). A obra de Liao fala de amizade, de morriña da infancia, das perdas que ocasiona o crecemento, da aprendizaxe da soidade. Retrata o invisible do ser humano, iso que denominamos ’mundo interior’. O libro comeza con esta dedicatoria:"Dedicado ós nenos que non logran sintonizar co mundo."  O título en inglés desta obra é "Starry,starry night", que son as palabras coas que comeza a canción Vincent (fai tamén click aquí), de Don McLean, unha preciosa homenaxe a Vincent Van Gogh, homenaxe que tamén lle fai Jimmy Liao a través das súas imaxes. 

Historia da resurrección do papagaio, de Eduardo Galeano e Antonio Santos (fai click aquí), é un conto baseado nunha lenda do Brasil, un conto mítico sobre a capacidade creativa do home (ou quizais dalgúns homes) a partir das emocións.

Chocolata, de Marisa Núñez e Helga Bansch. Neste relato as autoras fálannos das ilusións, os desexos, a amizade e a importancia da experiencia e de valorar o que temos ó redor.

 

 

EMIGRANTES (THE ARRIVAL)

Emigrantes é o título do excepcional álbum gráfico de Shaun Tan, que xa coñeciamos no club de lectura, mais que este ano poderemos disfrutar dun xeito moi especial. A proxección desta novela gráfica estará acompañada por música en vivo interpretada por David Rguez. Rivada e o seu cuarteto Rock de Cámara. Vai ser unha velada incrible!!!!!!

VALADOS

VALADOS

Helena vive nunha rúa de casas idénticas cun pequeno xardín, diferente da de Xoel, estreita e con casas antigas, por onde pasa para buscalo e ir xuntos ó colexio. Polas tardes, reúnense no eido baixo o gran carballo: é o seu refuxio segredo.
Unha mañá atopan na rúa moi pouca xente conversando en voz baixa. As fiestras están pechadas e reina un raro silencio. Na escola, Violeta, a mestra, está seria e incluso dúas bágoas escorréganlle pola faciana. Á mañá seguinte algúns comercios aparecen pechados e con verbas ofensivas nas portas. Algunhas persoas camiñan con presa mentres grupos de homes alardean en voz alta. Hai un mal aire que parece envelenar a vila enteira, coma se unha pantasma invisible lles tivera roubado o sorriso a uns para dárllelo a outros. Esa noite, os pais de Helena prohíbenlle seguir xogando con Xoel ou ir polo seu barrio. Ten que facer outros amigos entre os seus veciños. A pantasma ergue muros invisibles que separan as persoas. Cando Helena e Xoel se atopan falan agora de fiestras con cristais rotos, de miradas de desprezo, de discursos apaixoados na radio con palabras como "ilegais" ou "segregación". Eles prometen seguir sendo amigos sempre e gardan unha caixiña metálica cun cartón coas iniciais dos seus nomes nun burato xunto o carballo...

POR ENRIBA DE TÓDALAS FRONTEIRAS, POR ENRIBA DE MUROS E VALADOS, SI OS NOSOS BERROS SON IGOALES, COMA UN IRMÁU CHE FALO...

De derrubar muros e valados fala Irmaus, o poema de Celso Emilio Ferreiro do que Agustín Fernández Paz toma estes versos para o comezo da súa obra Valados.(Aquí tedes o poema cantado por Fuxan os Ventos)

No club de lectura leremos Valados e falaremos de como derrubalos. Veremos Los muros que no han caído  e a presentación Los muros en el mundo ó tempo que escoitamos The Wall, de Pink Floyd e escoitaremos a Eduardo Galeano lendo o texto Muros (Aquí parte 1 e aquí parte 2).

Tamén de valados, de raias fala este precioso texto escrito pola nosa compañeira Antonia,

A lectura de Valados terá lugar despois do Nadal, mais dado que Agustín Fernández Paz estará presente, ben en persoa, ben a través de video-conferencia, na Casa da Cultura de Verín en Outubro, farémoslles os nosos lectores unha breve introdución e acudiremos con eles á Casa da Cultura.

DESDE LOS AFECTOS, DE BENEDETTI

Este ano, como xa dixemos nun artigo anterior, dedicaremos a primeira sesión do club de lectura a ler textos escritos polos alumnos, ver unha presentación que resume o feito o curso pasado e tamén a ler / ver dous poemas de Mario Benedetti perto da data na que o escritor tería cumprido 90 anos. Trátase de Desde los afectos (grazas, Lucía, pola túa recomendación e grazas Teresa por telo no teu blog) e No te salves, recitado de xeito incrible por Miguel Ángel Solá.

CONCURSO "QUEN É?" (Proxecto conxunto IES Ribeira do Louro - IES Taboada Chivite)

CONCURSO "QUEN É?" (Proxecto conxunto IES Ribeira do Louro - IES Taboada Chivite)

Atréveste a descubrir a identidade desta figura misteriosa?

Fai click aquí.

Se acertas a identidade do personaxe participarás no sorteo de tres agasallos.  

Envía unha mensaxe co teu nome e apelidos, o teu curso e grupo, o nome do teu instituto (Ribeira do Louro ou Taboada Chivite)(o nome do instituto debe aparecer en asunto) e, por suposto, o nome da figura misteriosa, ó seguinte enderezo:

ribeirachivite@gmail.com

Os agasallos sortearanse entre as respostas correctas recibidas entre o 15 e o 30 de Outubro de 2010.

Exposición na Casa do Escudo de Verín con cadros pintados por alumnos que asisten ó club de lectura

Leyla, Pilar, Irene, Iago, María, alumnos do IES Taboada Chivite de Verín que asisten ó club de lectura son rapaces ós que lles interesa a arte en todas as súas vertentes. Onte na Casa do Escudo de Verín eles e todos aqueles que pintan, fan escultura...na escola de artes e oficios recibiron diplomas nun acto no que os asistentes aplaudimos e recoñecemos o seu traballo e o seu talento.

Aquí tedes uns sonetos que David Rguez Rivada escribiu pensando neses cadros:

SONETO I - Cuadro de Iago (Abstracto)
 
Por más que la busqué nunca la hallaba,
por más que prometiese acompañarme;
pues no hay ejército que no se alarme
habiendo roto lazos que anhelaba.
 
Seguí mis intuiciones, mi delirio,
bebí en el cáliz sucio de las drogas,
amé sin fe, abrazado a varias sogas
que me apretaron mucho: ¡qué martirio!
 
Al fin, rendido, abandoné las calles
que tantos besos falsos me ofrecieron;
al fin, llorando, entre madera rota,
 
roida y carcomida entre estos valles,
perdida entre recuerdos que crecieron:
mi amiga de la infancia, mi pelota.
 
 
SONETO II - Cuadro de Leyla (Grifo)
 
La noche acrivillaba entre mordiscos
centelleantes, grietas del firmamento,
a campesinos que en ese momento
no habían hecho ofrendas, los muy ariscos.
 
El padre de los dioses no perdona,
por mucho que se llore arrepentido,
es Zeus un ser por todos conocido
experto en castigar... pobre Gorgona.
 
Rugiendo entre los vientos penitentes,
preñando de odio y miedo corazones,
matando tras su paso por el monte,
 
respira fuerte aquel que cose mentes,
engulle sangre ajena a borbotones,
preside el ciego Grifo el horizonte.
 
 
SONETO III - Cuadro de Pilar (Chica vigilando)
 
Las lágrimas aún caían por su cara,
huidiza del cruel castigo paterno,
sedienta de venganza iría al Averno
si allí encontraba cura a su tara:
 
"-Nenúfares silvestres, si me oís,
dadme cobijo hoy, pues os prometo
que aun antes de que muera este soneto
seréis recompensados, ¿qué decís?
 
-"Contentos aceptamos protegerte,
salvándote de una muerte segura."
Pasó el tiempo, la moza se olvidaba
 
del trato. Mas Fortuna, por ventura,
con un apuesto joven la citaba
al tiempo que, entre juncos, vio a la Muerte.
 

MOITO ÁNIMO, PARABÉNS E A SEGUIR PINTANDO... E LENDO!!!!

"La comarca de Monterrei en el Antiguo Régimen", nova publicación de Isaac César González Abellás

"La comarca de Monterrei en el Antiguo Régimen", nova publicación de Isaac César González Abellás

O noso compañeiro Isaac César González Abellás, profesor de Xeografía e Historia no noso centro, publicou en agosto deste ano a súa tesina de licenciatura, un interesantísimo traballo de investigación que busca a reconstrucción da sociedade e economía da comarca de Monterrei entre os séculos XVI e XVIII.

No club de lectura teremos o pracer de escoitar, contado por el mesmo, de que trata o seu libro, as dificultades que atopou na súa elaboración e as anécdotas máis entretidas.

Aquí tedes un enlace ó artigo que fixo David no seu blog.

"BORDADOS", DE MARJANE SATRAPI

Unha das lecturas que faremos este ano no club é Bordados, de Marjane Satrapi (aquí tedes unha entrevista con ela), de quen xa leramos a magnífica Persépolis (aquí un artigo sobre Persépolis).

Fai click aquí, aquí, aquí , aquí e aquí para acceder a artigos onde se fala deste comic no que a artista de Irán debuxa as mulleres da súa familia falando dos seus soños, repasando as súas vidas, contando historias...... Seguro que ós lectores e lectoras do club este libro de banda deseñada non os deixará indiferentes.

POR EL PLACER DE VOLVER A VERLA

Por el placer de volver a verla é o título da obra de teatro de Michel Tremblay interpretada polo noso admirado Miguel Ángel Solá e a súa muller, a tamén estupenda actriz Blanca Oteyza (fai click aquí), que quixemos ver o ano pasado co grupo de alumnas de 2º de Bacharelato, mais a súa xira galega chegou unicamente a Vigo e Pontevedra e somentes unha das profesoras coordinadoras do club puido vela. No comezo deste curso Por el placer de volver a verla volta de novo a Galicia, a Ourense, Santiago, A Coruña... e o grupo de ex-alumnos e ex-profes poderemos gozar coa maxistral parella de actores, a quen algunha das profes que coordina o club xa vira hai tempo nunha desas obras imprescindibles: Os diarios de Adán e Eva, de Mark Twain.

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN, POETA E CONTACONTOS

Se o pasado curso foron as obras do poeta Carlos Negro Makinaria e Cultivos Transxénicos as que, no eido da poesía, foron as principais protagonistas das sesións do club de lectura A árbore vermella, este ano grandes e pequenos descubriremos o poeta, recopilador de historias e contacontos de Lalín Celso Fernández Sanmartín.

Aquí e aquí podedes ver a Celso Fernández Sanmartín, autor das obras Divagacións iú, O tigre das cenorias, Sen Título, Propiamente son captivo e Fucsia, talladas, estampados, boca (aquí entrevista co poeta sobre este poemario), contando Historia dunha emigrante e O estandarte.

Aquí tedes unha entrevista que se lle fixo despois da súa participación na Festa da Narración Oral de Madrid, na que foi o único representante galego.

Esta entrevista foi feita despois dunha contada sobre a emigración na casa de América. 

Estoutra entrevista publicouse en laopiniondezamora.es.

Este artigo fala do seu espectáculo Bicoca de boca en boca ou contos que non falten.

As coordinadoras do club de lectura tivemos a oportunidade de descubrir a Celso Fernández Sanmartín na súa faceta de contacontos en xuño de 2009 na xuntanza de clubs de lectura en Santiago de Compostela. Este ano nós e os nosos rapaces e rapazas agardamos gozar moitísimo coa súa poesía.

ROBANDO ROSAS, UN BLOG MARABILLOSO

De Buzón

As rosas, eses anaquiños de rubí que salpican tantas mesas, igrexas, matorrais ou mesmo manos esperanzadas, caracterízanse por seren fermosas, cheiraren ben e teren espiñas.

Cando un as busca, debe ter coidado para non mancarse con elas, xa que lles gusta moito o sangue dos atrevidos e dos despistados.

Son caprichosas, elas mesmas deciden a cor coa que se visten, mais son coma as mulleres de boa percha: poñan o que poñan triunfan.

Ás veces unha rosa pode ser unha caricia oportuna, unha mirada cómplice, unha aperta desgarradora.

Outras, a rosa que un busca pode ser unha palabra necesaria, unha frase que che remove os adentros, un texto que che regala unha nova cor coa que ollar o mundo.

Este ano, no club de lectura, faremos un magnífico ramo coas rosas que máis nos gustaron do xardín da nosa amiga Teresa Losada. A escolla foi dura. Paseamos entre as rosas,queriamos collelas todas. Ó final,o "donoso escrutinio" de Teresa axudounos e, con todo, canto nos custou decidir! De todos os xeitos, podedes disfrutar do arrecendo de cada unha delas visitando Las rosas de las avenidas.

 Estes son os artigos dos que, polo momento iremos gozando no club:

Amar la imperfección, Estar mal, Entroido, Ahora que ya no estoy yo, Lo dionisíaco y lo apolíneo, Poetas muertos y versos del capitán, Máikel, Problema y solución, Abriles robados, Escribir, Credo.  

 Ademais, empregaremos o seu blog para as sesións dedicadas a Origen e  a Delibes.

Moitas grazas, Teresa, polo teu blog incrible. Moitas grazas, tamén, por ter dedicado tanto tempo a dar resposta polo miudo a todas as curiosidades que os membros do club tiñamos sobre ti e o teu blog (click aquí para acceder ás preguntas que lle fixemos e ás respostas de Teresa).

Millóns de bicos!!!!!

"BROOKLYN FOLLIES", DE PAUL AUSTER

"BROOKLYN FOLLIES", DE PAUL AUSTER

No Club de lectura A árbore vermella leremos, co grupo de ex-alumnos e profesores, Brooklyn Follies, unha deliciosa novela de Paul Auster.

Paul Auster é un escritor e director (de cine) moi coñecido e respectado na actualidade.

Pese a ese recoñecemento (que moitas veces non é habitual en xente con auténtico talento), a súa obra ten unha calidade enorme.

Fai novelas nas que constrúe cunha axilidade pasmosa: coma o alfareiro que en dous segundos fai unha xarra co que xusto antes era una masa marrón, Auster crea antecedentes, enche as vidas dos seus personaxes con acontecementos non sempre verosímiles pero sempre, sempre divertidos, rechamantes. Nunca creará un ser que algún de nós poidera ter coñecido.

Nesta novela, un home canso da súa vida decide voltar ó seu barrio natal, e alí coñece a toda unha chea de seres que lle farán retomar a marcha, unirse á procesión da que decidira deixar de ser partícipe.

Historias de amor, de odio, negocios, timos, reencontros, vida e morte, paixón... "Follies", ou como dicía a dulce Violeta da "Traviatta" verdiana lembrando ó seu namorado Alfredo: "Follia, follia" (loucuras).

Aquí tedes un artigo no blog de David sobre o autor e aquí un enlace á súa obra.